O Noso Deporte

Xuvenil A e Cadete A, líderes nas súas ligas

O Xuvenil A, despois de sumar un seis de seis nesta semana con dobre compromiso, conseguiu igualar a fazaña do Cadete A e subiu ao primeiro posto da clasificación, cos mesmos puntos que o EF Lalín.

Pola súa banda, os segundos, tras un novo triunfo, aumentan a tres unidades a súa vantaxe co segundo clasificado. A fin de semana tamén nos deixou os empates do Zona Vella e do Xuvenil B, así como o dobrete dos cadetes coa vitoria do B ante o Cruces.

En primeiro lugar, o filial branquiazul logrou un empate sen goles no seu partido como local contra o Cruces. O Zona Vella gozou de pouca fortuna no ataque e non puido superar a un rival ben perpetrado na liña defensiva. Co punto, o equipo santiagués mantense no sétimo lugar da táboa.

A mellor noticia para a base do Compos esta semana, sen dúbida, foi a actuación do Xuvenil A, conxunto que xa marcha líder, empatado co EF Lalín, tras lograr dous triunfos esta semana. Primeiro, o xoves, superou ao As Pontes, como visitante, por 0-2, con goles de Noya e Yosi, mentres que este sábado, en Santa Isabel, conseguiu idéntico resultado para superar ao Galicia Caranza. Esta vez foron Macías e Yosi, ambos na segunda metade, os que conseguiron os tantos branquiazuis, rendibilizando deste xeito o tropezo do líder contra o Arteixo.

Tamén en categoría xuvenil, o B igualou 2-2 na súa visita ao Bastavales. Raúl García e Juan Amigo marcaron para contrarrestar, por dúas veces, a vantaxe local. Mentres tanto, o Xuvenil C perdeu 4-2 contra o Cruces, a pesar de comezar gañando con dous tantos de diferenza, anotados por Jorge Millán e Robert Armando.

Mantendo a súa imbatibilidade, o Cadete A aumentou a súa vantaxe no liderado a tres unidades. Os branquiazuis aproveitaron o tropezo do Conxo, gañando ao Milladoiro por 3-1. Hugo Pérez, Manuel Crespo e Iker Carril sentenciaron o duelo en apenas dez minutos do segundo tempo, malia que os visitantes recortarían distancias máis tarde.

Así mesmo, o Cadete B logrou igual resultado contra o Cruces, unha vitoria que lles permite manter o sexto posto. Alejandro Parga, Zubo Yang e Carlos Rodríguez, para os nosos, pecharon o marcador final no primeiro acto.

Por último, en categoría infantil, ambos conxuntos tiveron o mesmo resultado negativo. Os primeiros perderon o sábado ante o Xuventude Oroso, terceiro clasificado, por 4-1, mentres que os segundos fixeron o mesmo, o domingo, contra o La Salle. En ambos encontros, o goleador branquiazul foi Tomás Munge.