O Noso Deporte

Gala de presentación do Álbum de Cromos do Fútbol da Costa

O mito do Fútbol da Costa non se espalla por Galicia a base de lendas. Medra e medra a base de feitos. De feitos como aquel pioneiro álbum de cromos que organizaba un grupo de tolos do noso deporte aló por 2013 e que traspasaba as nosas fronteiras.

Nunca tal se fixera no fútbol modesto galego: un álbum de cromos que aglutinase a case todos os equipos dunhas ligas comarcais.

Esta campaña 2018/2019, o equipo de QPC, xunto coa empresa viguesa Sportcrom, lanza o novo álbum de cromos. Un álbum que será o máis completo xamás visto, pois inclúe a presencia de todos os equipos do fútbol costeiro (incluídos os da 3a e os dous clubs do fútbol feminino) e a participación do gremio de árbitros.

Un Álbum que vertebra a Costa da Morte a través do deporte, que fai que coñezamos máis, que nos unamos máis como comarca. Un Álbum que demostra que o Fútbol da Costa é xa un axente transformador da nosa sociedade.

Esta tempada volven os cromos da Costa, e volven chegar cunha Gala, como acontecera naquela Noite das estrelas do Fútbol da Costa que encheu o auditorio de Santa Comba un 30 de novembro de 2013.

Desta volta será o venres 21 de decembro, a partir das 20:30h no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, nun acto, de novo dirixido pola xornalista zaseira Mónica Martínez.

Ademais, a gran presencia desta gala, como foi no seu día David Vidal, será unha das persoas máis importantes na historia contemporánea do Real Club Deportivo de la Coruña, Augusto César Lendoiro. O eterno presi branquiazul volverá á súa terra (é natural de Corcubión) para falar da súa relación co fútbol modesto da provincia e para contarnos ducias de anécdotas na entrevista que lle vai realizar Mónica Martínez.