O Noso Deporte

Celebracións de nadal

O Monbus Obradoiro quere celebrar con todos vós estas festas de Nadal e para iso temos en marcha dúas promocións nas que podes convidar aos teus amigos ao basket. Para o partido deste sábado ante o Movistar Estudiantes o club ten activa a promoción do Xoguete Solidario, e para o encontro do domingo 23 de decembro, ante o BAXI Manresa, o Partido Solidario Gadis.

Trala victoria acadada esta fin de semana ante o Tecnyconta Zaragoza, os de Moncho Fernández recibirán o sábado ao Movistar Estudantes no que será o Partido do Xoguete. Así, o club ten en marcha unha iniciativa solidaria na que se entregas nas oficinas un xoguete novo poderás mercar ata catro entradas, en Tribuna 2, a 12€ cada unha ata esgotar localidades dispoñibles para a venda. Todos os xoguetes que se recollan serán entregados aos nenos e nenas ingresados no Hospital Clínico que non poderán pasar o Nadal nas súas casas.

Por outra banda, o encontro que os obradoiristas disputarán en Sar o domingo 23 de decembro, ás 17:00 horas, recibindo ao BAXI Manresa, será o Partido Solidario Gadis. Así, por calqueira compra que fagas superior a 40 euros en calqueira dos Supermercados Gadis de Santiago de Compostela, Negreira, Meixonfrío, Cacheiras, Ordes, Padrón, Bertamiráns e Teo obterás un vale co que poderás mercar un máximo de ata catro entradas, a 10€ cada unha, en Tribuna 2, para este partido solidario (ata completar aforamento dispoñible para a venda).