O Noso Deporte

Tres equipos coa mente no ascenso

Tres equipos da base da SD Compostela seguen mostrando, semana a semana, que teñen a mente posta no ascenso de categoría. O filial, Xuvenil A e Cadete A sumaron esta xornada un novo triplete que lles axuda a seguir a un paso dos líderes. Ademais, aos seus triunfos sumáronse os do Cadete B, Infantil A, Infantil B e o dobrete dos alevíns.

En primeiro lugar, o Zona Vella ampliou a súa serie de resultados cun novo triunfo que lle permite escalar ao cuarto posto, a dous puntos do líder, o CF Silleda. O filial mostrouse moi superior ao Vilatuxe FC en todo momento e certificou os tres puntos cun gran segundo tempo. Pedro Leis, no seu regreso ao filial, marcou o primeiro, tanto neutralizado polos visitantes nunha das súas escasas ocasións. Con todo, Óscar Juanes, no 63, e Jorge Espada, no 81, certificaron a segunda vitoria consecutiva dos nosos.

Do mesmo xeito que o filial, o Xuvenil A tamén sumou o seu segundo triunfo seguido tras superar por 0-1 ao Victoria CF. Os branquiazuis viaxaron a Coruña coa intención de traerse os tres puntos para Santiago e lográrono grazas ao tanto de Manel Macías á hora de xogo. Con este novo triunfo, os nosos seguen segundos a tres puntos do líder, o EF Lalín.

Por contra, quen non puido manter a súa dinámica foi o Xuvenil B, despois de caer por 1-3 contra o Bertamiráns, un dos galos da liga. Marcos Andrade foi o autor do gol local, que segue oitavo na táboa. Do mesmo xeito, o Xuvenil C caeu na matinal do xoves ante o Amio SD por 4-2, a pesar das dianas de Alejandro Márquez e Hugo Martínez.

En cadetes, volveron sumar un meritorio dobrete de vitorias. O Cadete A, que marcha terceiro a dous puntos do CD Conxo, o seu próximo rival, superou por 2-3 á AD Nicrariense no complicado campo do Cepelo. Os nosos necesitaron adiantarse por tres veces, a última no desconto, para acabar levándose os tres puntos. Martín Díaz, Iker Carril e Andel Laranga foron os artífices do novo triunfo branquiazul. Pola súa banda, o Cadete B saboreou de novo os meles do triunfo, tras superar ao CD Conxo, ao que supera na clasificación, por 3-4. Os tantos de Adrián Álvarez e Uxío Figueroa, no
primeiro acto, foron neutralizados polos locais, polo que a vitoria chegou co dobrete de Zubo Yang na segunda metade.

En categoría infantil, o A sumou catro puntos esta fin de semana ao xogar dous encontros, un aprazado da xornada 5. Primeiro, o xoves, empatou a un gol contra o Escola Estrada, mercé ao tanto de Mateo Barros; e despois, o sábado, sumou un importante triunfo ante o Amio por 1-2 para achegarse aos seus predecesores. Tomás Munge e Alejandro Suárez foron, nesta ocasión, os goleadores. En canto ao Infantil B, logrou a súa quinta vitoria da tempada para situarse na segunda posición da clasificación. Este domingo superaron por 2-4 ao Milladoiro SD con dobretes de Mateo
Barros e Tomás Munge.No que respecta aos equipos de fútbol 8, en alevíns, o A tamén tivo un dobre compromiso ante as ED de Vedra e Atlético Fátima, resolvendo os envites cunha derrota por 1-2 contra os primeiros e unha vitoria por 5-7 contra os segundos. Mentres, o Alevín B gañou por 3-2 ao CD Conxo para manter a terceira praza.

Por último, os benxamíns sufriron unha dobre derrota contra a ED Xuventude Oroso e CD Conxo, mentres que o Prebenxamín B caeu ante o Atlético Fátima. Pola súa banda, o A descansou esta xornada e os biberóns non tiveron partidos esta fin de semana.