O Noso Deporte

O Cadete A asalta o liderado tras derrocar ao Conxo

A xornada para as categorías inferiores da SD Compostela deixounos a gran nova do asalto ao liderado do Cadete A, logo de derrocar ao Conxo por 1-0 en Cancelas.

Ademais, o Xuvenil A logrou un novo triunfo e gañou terreo co terceiro; o Alevín B venceu e segue enganchado á cabeza; os prebenxamíns sumaron un dobrete e debutou en liga o Biberón B.

En primeiro lugar, o Zona Vella viu truncada a súa dinámica de resultados ao caer por 2-0 na súa visita ao Club Lamela. O filial branquiazul, nun partido moi igualado, saíu moi enfadado coa actuación arbitral. Unha falta ao bordo da área nos primeiros compases do segundo acto, que foi moi protestada polos nosos, serviu para que os locais se adiantasen no marcador. Despois, a pesar da insistencia santiaguesa, sentenciaría o Lamela nunha contra. Co resultado, os nosos baixan ao sétimo posto, pero seguen preto do liderado.

Mellor sorte correu un Xuvenil A que segue sumando triunfo tras triunfo e que, a maiores, viu como esta semana aumentaba a renda co terceiro. Os nosos seguen firmes nos postos de ascenso ao sumar un triunfo por 2-1 ante o Atlético Arteixo. Os dous tantos branquiazuis chegaron nos primeiros cinco minutos, por mediación de Yago Recarey e Yago Torrente, o que presaxiaban un duelo tranquilo, pero a falta de acerto local provocou que os visitantes recortasen diferenzas, malia que nunca correu perigo o triunfo do imparable xuvenil.

Similar refacho meteórico leva tamén un Cadete A que asaltou o liderado tras derrocar por 1-0 ao CD Conxo, primeiro clasificado e invicto ata a data. Primeiro e segundo enfrontáronse este domingo en As Cancelas sen coñecer aínda a derrota. O duelo foi pechado e moi igualado, pero acabou decantándose para as nosos grazas ao solitario tanto de Iker Carril no minuto 56. Coa vitoria, o conxunto branquiazul subiu ao primeiro chanzo clasificatorio con 31 puntos en 11 xornadas. Ademais, tamén perdeu o EFM Boiro, polo que sobe ao máis alto en solitario.

Por contra, o Cadete B non tivo mesma fortuna e sufriu unha derrota por 1-6 contra o seu líder, o Victoria FC. Juan Castillo foi o goleador local. Do mesmo xeito, o Infantil A perdeu tamén contra o primeiro clasificado, o CD Conxo, por 0-3, nun partido no que mostrou unha gran imaxe.

En alevíns, o A viuse sorprendido polo ACD ED Arzúa e acabou perdendo por 2-3, mentres que o Alevín B segue segundo empatado co primeiro, malia que cun partido máis, tras vencer por 0-2 ao Milladoiro.

Baixando de idade, o Benxamín A caeu derrotado na súa visita ao Escola Estrada, o Benxamín B perdeu pola mínima ante o Villestro e os prebenxamíns lograron un dobrete para sumar os seus primeiros puntos. A estrea con vitorias dos pequenos e pequenas branquiazuis produciuse ante o San Pedro e o CD Conxo, respectivamente.

Por último, na liga local de fútbol sala, por fin puido debutar o Biberón B, mentres que o Biberón A xogou o seu segundo encontro. No dobre enfrontamento contra os biberóns do Amio SD, o A perdeu e o B empatou.

Esta xornada descansaron o Xuvenil B, Xuvenil C e o Infantil B.