O Noso Deporte

Xuvenil A e Cadete A seguen apertando ao líder

O Xuvenil A e o Cadete A da SD Compostela seguen apertando aos líderes das súas respectivas clasificacións. Ambos seguen coas súas boas dinámicas, manténdose a menos dun partido do Lalín e Conxo, respectivamente. Ademais, o Xuvenil B logrou un gran triunfo en Santa Isabel, o Cadete B volveu á senda de tres e os benxamíns sumaron un dobrete de locais.

En primeiro lugar, o Zona Vella non puido continuar coa súa boa marcha, despois de caer por 2-3 ante o Atlético Fátima, nun partido no que o filial non mereceu tan duro final. Os visitantes saíron máis enchufados ao partido e puxéronse cun 0-2 aos 20 minutos, vantaxe que neutralizaron os nosos antes do intermedio con goles de Manuel Pardo e Gutier Novas. Na segunda metade, despois de que o filial buscase o tanto en innumerables ocasións, o Fátima levaría o triunfo no desconto.

Si conseguiu manter a boa dinámica un Xuvenil A que logrou un meritorio empate na saída ás Eiroas. A pesar de comezar perdendo, os branquiazuis empataron no segundo acto co gol de penalti de Sergio González. 1-1 final contra o Bergantiños que lles permite manterse a tan só tres puntos do líder, o EF Lalín.

Pola súa banda, o Xuvenil B sumou un gran resultado por segunda fin de semana consecutiva. Esta vez, en Santa Isabel, os nosos superaron ao EFM Boiro, un dos galos da categoría, por 2-0. Raúl García e Juan Amigo, cunha diana en cada tempo, selaron o triunfo branquiazul. Mentres, o Xuvenil C caeu amplamente na súa visita ao EF Silleda.

En cadetes, os equipos volveron sumar un novo dobrete, logo de que o B regresara á senda de tres. O A, que segue lanzado en persecución do Conxo, sumou un novo triunfo na difícil saída contra o Sálvora. A pesar de xogar contra un dos conxuntos da parte alta, os nosos mostraron oficio para superalos por 0-2, con tantos de Uxío Figueroa, no primeiro acto, e de Andel Laranga, no segundo. E o B, tras dous tropezos, volveu vencer e fíxoo cun claro resultado de 0-4 contra o Tordoia. Os nosos recuperan sensacións grazas aos dobretes de Adrián Álvarez e Alejandro Parga e escalan postos na táboa.

En categoría infantil, o A non tivo tanta sorte na súa visita ao Sálvora, xa que caeu por 4-1, mentres que o B sumou un importante empate 3-3 contra o Victoria, equipo co que marcha empatado na clasificación. Mateo Barros, Jorge Vázquez e Tomás Munge lograron igualar o choque ata en tres ocasións para sumar este gran punto.

Dentro de fútbol 8, o Alevín A perdeu na súa visita ao líder, o Xuventude Oroso, mentres que o B sumou tres novos puntos ao vencer por 4-0 ao Compañía de María. Despois, en benxamíns, ambos conxuntos sumaron un dobrete de locais, tras gañar ao Amio e ao Chacheiras, respectivamente. E, por último, ambos prebenxamíns perderon os seus partidos da fin de semana.