O Noso Deporte

Catro vitorias na festa do deporte de Santiago

SD Compostela Cadete B

As categorías inferiores da SD Compostela, nunha xornada reducida pola celebración da Festa do Deporte en Santiago, pechouse cun gran resultado. A fin de semana deixou catro triunfos en seis partidos, os do Zona Vella e Xuvenil B, xogando de visitantes, e os do Xuvenil A e o Cadete B, como locatarios. Precisamente, estes dous últimos mantéñense na parte máis alta da clasificación con estes triunfos.

En primeiro lugar, o Zona Vella, tras unha mala xeira, recuperou a senda do triunfo despois de vencer no derbi 0-1 ao Villestro SD. Os mozos branquiazuis mostraron experiencia para aguantar o marcador positivo nunha dura saída. Jorge Castiñeiras adiantou ao filial á media hora e o marcador xa non se movería, malia que os locais dispuxeron dun inexplicable penalti a favor que fallaron. Cos tres puntos, os nosos avanzan na clasificación para asentarse nunha zona máis cómoda.

Como un tiro, así vai o Xuvenil A, que segue lanzado cara ao alto da clasificación. Os mozos branquiazuis seguen cultivando triunfos e este domingo tocoulle ao Atlético de Riveira. Mostrando unha gran superioridade desde o comezo, os mozos de Gonzalo Lestayo gañaron por 8-1. Yago Torrente, Sergio González (2), Iván Calvo, Michael Perol, Adrián Loureiro, David Calvo e Diego López foron os goleadores nas Cancelas para situar ao Compos na segunda posición.

Mentres tanto, os outros dous equipos xuvenís tiveron sensacións dispares. O equipo B triunfou na súa visita ao Escola Estrada para relanzarse na clasificación. 0-3 con goles de Cristian Cerbán, Xacobo Insua e Juan J. Amigo para sumar 6 puntos. O C, con todo, segue sen sumar tras caer 1-2 contra o EF Boqueixón. Uxío Figueroa puxo por diante aos branquiazuis, pero os visitantes déronlle a volta ao marcador na segunda metade.

Outro que marcha de forma impecable é o Cadete B, acadando o seu terceiro triunfo noutros tantos partidos. 3-0 ao EF Silleda, para desempatar con eles na clasificación, e quedar no máis alto xunto ao EF Boqueixón, rival precisamente a próxima xornada. Sergio Rendo e Iago Fernández encarrilaron o encontro no primeiro acto e Alejandro Parga sentenciouno na segunda para sumar un novo triunfo de nivel.

Por último, o Benxamín A non puido comezar con bo pé na liga e caeu por 5-2 na súa visita ao EF Lalín.

Os partidos que quedaron suspendidos pola celebración da Festa do Deporte de Santiago quedan aprazados para as próximas datas.