O Noso Deporte

Os cadetes afiánzanse no liderado

Os dous equipos cadetes da SD Compostela seguen deixando grandes sensacións nos seus comezos ligueiros e, do mesmo xeito que o primeiro equipo, mantéñense cun refacho inmaculado para liderar as súas respectivas clasificacións. Ademais, o Xuvenil A sumou o seu segundo triunfo consecutivo, na súa visita ao Betanzos, e escalou posicións na táboa.

En primeiro lugar, o filial tivo unha mala tarde en Cancelas e viuse superado polo líder, o CF Silleda, que gañou por cero a cinco. Primeira derrota en casa do Zona Vella que busca volver á senda do triunfo nunha categoría moi igualada.

O Xuvenil A, pola súa banda, comezou a liga con derrota pero suma xa seis puntos tras dous grandes triunfos. Este sábado, na súa visita ao Betanzos CF, venceu por 2-5, demostrando un gran poderío na área rival. Aos sete minutos, os branquiazuis xa gañaban por dous tantos coas dianas de Yago Recarey e Yago Torrente, vantaxe neutralizada á media hora polos xogadores locais. Con todo, antes do descanso, Torrente volvía poñer aos nosos por diante e a vitoria xa non se escaparía. Sergio González, de penalti, e Iván Calvo selaron o gran triunfo no campo de O Carregal.

Peor sorte tiveron os outros dous conxuntos xuvenís. O B fixo sufrir durante moitos minutos ao Atlético Fátima, pero non puido igualar o tanto visitante mediada a segunda metade. O C, no seu debut ligueiro, caeu por 5-1 ante o Atlético Pino, nun encontro no que marcou Etienne Lorenzo.

Quen seguen imparables son os dous equipos cadetes. O A sumou o seu cuarto triunfo do ano, noutros tantos partidos, despois de superar 0-14 ao CF Noia, resultado co que se levantou ao primeiro posto da táboa. Uxío Figueroa marcou catro, Gerardo Lago e Manuel Crespo dous cada un e o resto repartíronos entre Pablo Otero, Andel Laranga, Rubén López, Gorka Madariaga, Manuel Rial e Hugo Martínez. Á súa vez, o B venceu na segunda xornada 0-1 ao Escola Estrada, vitoria coa que se manteñen no alto da táboa. Adrián Álvarez, no minuto 38, foi o goleador branquiazul dun equipo que se mantén sen encaixar en liga.

Por último, nos infantís, o A cedeu por 3-2 ante o AD Nicrariense, cos tantos de David Porto e Brais Rodríguez, mentres que o B, no seu debut ligueiro, perdeu 5-3 contra o Bertamiráns CF. Mateo Barros, Brian Varela e Valentino Becerra puxeron emoción ao choque, pero finalmente caeu do lado local.