O Noso Deporte

Inicio ilusionante para as categorías inferiores

Inicio ilusionante para as categorías inferiores
Inicio ilusionante para as categorías inferiores

Os equipos máis maiores das categorías inferiores da SD Compostela xa están inmersos nas súas respectivas competicións ligueiras. Os conxuntos branquiazuis, que arrincan baixo un novo proxecto coordinado por Víctor Pazos, viviron esta fin de semana as súas primeiras e segundas xornadas de liga, respectivamente, así como algúns encontros amigables nalgúns dos casos. O balance que nos deixou a xornada é de tres triunfos e un empate.
En primeiro lugar, o filial conseguiu a súa primeira vitoria do curso no seu debut en Santa Isabel. O Zona Vella tras notar a falta de acerto na súa primeira xornada, puido lograr os tres primeiros puntos mercé a unha gran defensa e ao solitario gol de Daniel Failde no minuto 68.
Peor sorte tivo o Xuvenil A que debutada na liga Galega medíndose a un dos galos da categoría, o CD Conxo. Nun partido moi disputado, os locais levaron o triunfo por 2-1. Ao descanso o luminoso marcaba un empate a un gol, despois de que Yago Torrente neutralizase a diana en propia porta dos nosos. No segundo acto, cando xa parecía que o empate sería o resultado final, o Conxo rabuñou o triunfo co tanto de Jonathan Vieites.
Tamén sufriu unha derrota, tras gañar na primeira cita do campionato, un Xuvenil B que foi superado por 4-0 polo Milladoiro SD. Pola súa banda, o Xuvenil C, no seu primeiro amigable, logrou un empate a un tanto na súa visita ao Praíña Spc. O goleador branquiazul foi Armando.
En canto ao Cadete A, segue co seu gran comezo ligueiro e sumou a súa segunda vitoria despois de superar ao Cordeiro CF por 4-0. Hugo Pérez, Manu Crespo e o dobrete de Iker Carril, serviron aos nosos para sumar os seis primeiros puntos do campionato. Mentres, o Cadete B caeu derrotado no seu amigable contra o Vitoria FC por 4-3, nun duelo no que marcaron Samuel, Antón e Iago.
Por último, en infantís, o A conquistou o seu primeiro triunfo ao superar ao EF Lalín por catro goles a cero. Jandro, Rubén, Álvaro e Pablo Pío foron os anotadores nesta primeira vitoria da tempada. Á súa vez, o infantil B perdeu no seu amigable contra o Milladoiro SD por 4-3, nunha proba na que viron porta Hugo Vilaseco e Tomás en dúas ocasións.